2010

Paco Charlín "The Game"


Con Orrin Evans, W. Smith III, D. Barret, R. Quinerly

O recoñecido músico galego, Paco Charlín, recibe a proposta do noso Festival de elexir e dirixir neste proxecto especial, para o XX Festival, a varios dos músicos máis interesantes da actualidade. Comparten todos eles un momento de importantísimo recoñecemento nas súas carreiras individuais, liderando os seus propios grupos ademais de tocar nos últimos anos con músicos da entidade de Terence Blanchard, Wallace Roney, Roy Hargrove, Brandford Marsalis, Dave Douglas, Joe Lovano, Roy Haynes, Herbie Hancock, Wayne Shorter… e obter os máis importantes galardóns, como é o caso de Darren Barrett, único trompetista gañador da Thelonious Monk International Jazz Competition, a máis importante competición de jazz no mundo.­­­­­

Paco Charlín nace en Vilanova de Arousa e a súa formación musical comeza aos 8 anos de idade con profesores privados de solfeo e baixo eléctrico, pasando máis tarde a formarse en diversas escolas de música.
No ano 1996 obtén dúas becas da máis prestixiosa universidade de Jazz e música moderna do mundo, o “Berklee College of Music”, trasladándose a Boston (USA) para perfeccionar os seus estudos musicais. É de mencionar a súa dobre licenciatura en Bass Performance & Jazz Composition, (Bachelor of Music, degree) con mención honorífica, (Magna Cum Laude), e o premio “The Charles Mingus Award of Outstanding Musicianship”, concedidos pola universidade ao músico mais destacado de cada promoción no ano 2000. Ademais, nese mesmo ano participa no XXIV Festival Internacional de Jazz de Getxo, sendo recoñecido co segundo posto.

Ademais de actuar en diferentes festivais tanto a nivel nacional como internacionáis (Grecia, Cuba, Uruguay, Dinamarca, Israel, Estados Unidos, Arxentina, Tánger, Helsinki, Isla de Madeira, etc.) e participar en numerosas gravacións, apareceu xunto a músicos como Mark Turner, Lage Lund, Sheila Jordan, Chris Cheek, Steve Kuhn, , Rodrigo Gonçalves, Miguel Zenon, Jaleel Shaw, Logan Richardson, Jonathan Kreisberg, Marcus Gilmore, Tommy Crane, Johnathan Blake, Aaron Goldberg, John Riley, E.J. Strickland, Mike Moreno, Ambrose Akinmusire, Sam Harris, Donald Edwards, Marcus Strikland, etc…

Actualmente, compaxina a docencia no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ), impartindo materias como; harmonía moderna, ensembles, contrabaixo, baixo eléctrico, técnicas de improvisación, historia do Jazz, arranxos, composición, etc.

Paco Charlín, contrabaixo
Orrin Evans, piano
Walter Smith III, saxo
Darren Barrett, trompeta
Reggie Quinerly, batería