2012

Kike Perdomo Quintet


Kike Perdomo é o paradigma do creador implicado en tódalas facetas da súa arte, as de saxofonista, compositor, enxeñeiro de son, produtor musical, docente… Na súa inesgotable dedicación á música destacan máis de trinta gravacións en calidade de sideman e iniciativas como a de poñer a anda-la Big Band de Canarias xunto a Yul Ballesteros.

Formado en diversas escolas (incluíndo a Berklee School of Music na que gozou dunha beca) e moi solicitado músico de sesión, despois de vivir durante algúns anos e distintas ocasións na Península Ibérica percorreu, alá polos anos 90, a escena de clubs e festivais de jazz con Madera, Decoy Quintet, Big Band del Foro…e mailos circuítos do rock -con cantantes como Luz Casal, Miguel Ríos e Joaquín Sabina.

Perdomo reservou, por fortuna, un espazo para actuar de líder. Catro gravacións ao seu nome, nas que contou con invitados de grande altura como Bill Evans ou Chano Domínguez, son o testemuño da solvencia deste saxofonista intenso e entregado.

  • Kike Perdomo: saxos
  • Martin Leiton: baixo eléctrico
  • David Quevedo: piano, teclados
  • Audun Waage: trompeta, samplers
  • David Gómez: batería