2012

The New John Abercrombie Quartet


Cunha carreira de máis de 40 anos e case 50 álbums, John Abercrombie é un dos grandes mestres da guitarra de jazz. Un investigador incansable cun son pouco usual que se mantén traballando na tradición do jazz e á vez empurrando os límites da métrica e a harmonía.

Inflúe constantemente nos seus colegas desde a edición de Timeless (ECM, 1974) e forma diversas agrupacións: duetos co guitarrista Ralph Towner, con John Scofield ou con Joe Beck, tríos ou cuartetos, dun altísimo nivel xunto a Dave Holland e Jack DeJohnette, Marc Johnson, Michael Brecker e Peter Erskine, Mark Feldman, Marc Johnson e Joey Baron…

Nacido no 1944 en Port Chester, Nova York, comezou a toca-la guitarra aos 14 anos. Como moitos adolescentes da época, comezou imitando a Chuck Berry pero foi a música blues de Barney Kessel a que o atraeu ao jazz. Durante o seu período de estudante, uniuse cos Brecker Brothers e pasou a formar parte do soño dese grupo que se converteu nunha das máis destacadas bandas de jazz rock de finais dos anos 60 e principios dos 70.

Despois de graduarse en Berklee, trasladouse a Nova York onde empeza a gravar con artistas do talle de Gil Evans, Gato Barbieri, Barry Miles, Chico Hamilton… pero foi cando coa banda de Billy Cobham que comezou a destacar. A principios dos anos 70 coñeceu a Manfred Eicher, quen o invitou a gravar co selo discográfico ECM o seu primeiro álbum en solitario Timeless. Con este selo mantén unha relación de máis de 30 anos de duración que crearía cimas do “novo” jazz nos 70 e os 80.

O seu traballo máis recente é Within a Song. Manfred Eicher solicitoulle a John Abercrombie un álbum ho menaxe a un músico da súa elección e a resposta do guitarrista foi o dedicado ás súas influencias formati vas e ao espírito de descubrimento que iluminou o jazz dos anos 60. Dito álbum contén temas de Miles Davis, Bill Evans, John Coltrane, Ornette Coleman e un que se apunta como guía de todos eles, “The Bridge”, de Sonny Rollins, con Jim Hall. “A música deste disco”, di Abercrombie, ”está dedicada a todos eses músicos que me deron un novo lugar onde vivir”.

  • John Abercrombie: guitarra
  • Billy Drewes: saxo
  • Drew Gress: contrabaixo
  • Joey Baron: batería