2012

Wallace Roney Group


Herbie Hancock, Ron Carter, Tony Williams e Wayne Shorter non podían elixir outro trompetista que Wallace Roney para embarcarse nunha xira internacional de homenaxe a Miles Davis. O disco resultante daquela experiencia, A Tribute to Miles, recolleu con toda xustiza un premio Grammy.

Miles Davis fora mentor de Wallace desde que se coñeceron no 1983 ocupándose persoalmente da evolución da súa carreira. Davis nada menos caeu rendido aos pés do seu discípulo pouco antes de morrer cando, no 1991, compartían, Roney como invitado, escenario no Festival de Montreux. O vello guerreiro armaba cabaleiro o seu protexido nunha simbólica entrega de armas.

Wallace Roney (Philadelphia, 1960) saltou aos escenarios ao mesmo tempo que o seu contemporáneo Wynton Marsalis e os seus comezos foron da man do gran Sonny Stitt. Substituíu a Terence Blanchard nos Jazz Messengers e experimentou tal progresión que pronto foi considerado un dos grandes trompetistas do jazz actual. Ao longo de varios anos traballou co quinteto do batería Tony Williams e formou parte de bandas con Ornette Coleman, Art Blakey, Elvin Jones, Philly Joe Jones, Walter Davis Jr., Herbie Hancock, David Murray, McCoy Tyner, Sonny Rollins, Curtis Fuller, Carole King ou Joni Mitchell por citar uns cantos nomes.

Outros trompetistas claves na historia do jazz como Dizzy Gillespie ou Clark Terry tamén influíron na senda de Wallace Roney, pero foi a sombra daquel Miles dos sesenta a que presidiu a carreira do trompetista de Philadelphia ata que no 2000 viu a luz No Room for Argument.

Naquela gravación Roney apostaba por unha clara apertura xenérica e estilística: funk, free jazz, proclamas sociais, chiscadelas ao John Coltrane de A Love Supreme e jazz de vangarda. Desde entón esgrimiu o estandarte do eclecticismo e a innovación para desenvolve-lo seu fraseo de altísimo voo, libre xa do acubillo do seu ídolo.

Home (2012), a súa última gravación, reúne swing enérxico, baladas e sobre todo post bop para un quinteto de xoves intérpretes acostumados a tocar no límite, alí onde Wallace Roney quere que habite a súa música.

  • Wallace Roney: trompeta
  • Victor Gould: piano
  • Rashaan Carter: contrabaixo
  • Ben Solomon: saxo
  • Kush Aberdey: batería