2014

Baptiste Trotignon Trio


Un dos pianistas europeos máis excelsos dos últimos tempos, Baptiste Trotignon, cunha carreira breve pero con traballos soberbios e colaboradores de luxo –Mark Turner e Tom Harrell entre outros–. Compárase con tótems do jazz actual do talle de Brad Mehldau, pero en realidade exhibe un discurso propio, lírico e melódico, imaxinativo e sedutor, con harmonías innovadoras e aberto a todo tipo de formas e linguaxes. É máis, o mellor de Trotignon é que sempre soa diferente e sempre soa a Trotignon. O pianista francés tocou en multitude de formacións e escenarios adaptándose en todo momento á paisaxe musical na que se encontraba e non renunciando á propia voz. A súa raíz de pianista clásico está presente sen excepción pero nunca en prexuízo da súa personalidade jazzística. Tal vez non sexa por completo recoñecible, pero tampouco vulgar, predicible nin acartonado. Consegue que o piano soe vibrante e sorprendente e amosa esa rara autenticidade de quen improvisa de certo, sen frases aprendidas ou recursos premeditados, saltando sen rede en cada solo que ten por diante. Só hai que repasa-la súa discografía para comprobalo.

Considerado pola crítica nacional e internacional un dos valores máis seguros do jazz actual, Trotignon trunfa tanto en Francia como en Estados Unidos. O acto de presenza máis próximo do artista no noso país data do pasado mes de xullo no Festival de Jazz de Vitoria.

Vén de saír ao mercado a súa última gravación, Hit, tocando en trío xunto a Thomas Bramerie, principal referente do contrabaixo en Francia, e ao batería Jeff Ballard, un dos grandes do instrumento nos últimos quince anos, membro distinguido da xeración que cambiou o curso do jazz a principios dos noventa; un músico requirido por todo tipo de artistas, de Chick Corea a Brad Mehldau, pasando por Pat Metheny, Joshua Redman, Avishai Cohen, Danilo Pérez e Kurt Rosenwinkel.

  • Baptiste Trotignon: piano
  • Thomas Bramerie: contrabaixo
  • Jeff Ballard: batería.