2014

HBC The Super Trio – Scott Henderson / Jeff Berlin / Gary Novak


HBC é un novo supergrupo de jazz fusión formado por tres grandes estrelas, Scott Henderson, Jeff Berlin e Dennis Chambers, que se uniron para crear un dos tríos máis fantásticos da historia deste xénero. En lugar de reunirse nun estudio como unha entidade virtual e poñerse a improvisar, decidiron saír á estrada e refinar un repertorio de versións de clásicos de jazz fusión fronte a miles de fans famentos desta música. Despois de reunir unha impresionante colección de obras mestras e probalas en directo, no 2012 sae á luz o seu primeiro álbum.

Henderson é un dos guitarristas contemporáneos máis talentosos e orixinais no xénero da fusión jazz, rock e blues; xerou lexións de seguidores por todo o mundo coas súas frases maxistrais e un estilo único. Colaborou con artistas e grupos como Chick Corea Elektric Band, Joe Zawinul Syndicate e Jean-Luc Ponty entre moitos outros. Foi líder e compositor xunto a Gary Willis na banda de fusión Tribal Tech (1985-2001), por moitos considerada a natural sucesora de Weather Report, que explorou unha multitude de sons e xéneros. Improvisación de alto risco desde os seus inicios que nunca cedeu á presión comercial da época. Fiel aos seus principios, non sucumbiu á tentación de facer música máis sinxela e comercial e seguiu sempre explorando, mantendo vivo o espírito do jazz e levando a fusión un paso máis alá.

Jeff Berlin é un dos primeiros virtuosos do seu instrumento (xunto con Jaco Pastorius e Stanley Clarke), referente esencial na historia do baixo eléctrico pola gran cantidade de innovacións técnicas que aportou e considerado por moitos un dos mellores baixistas de tódolos tempos. Os seus colegas de profesión axudan ao incremento do seu prestixio, e así, o mesmísimo Jaco Pastorius dixo de Berlin que era moito mellor solista que el. En Nova York, no 1975, coñeceu ao guitarrista Allan Holdsworth e ao lendario batería de jazz Tony Williams. Os traballos con ámbolos músicos introducírono rapidamente na escena neoiorquina, onde axiña comezou a colaborar como sideman con infinidade de artistas como Pat Martino, Gil Evans, Toots Thielemans, Al DiMeola, George Benson, Earl Klugh, Larry Coryell, Bob James, Dave Liebman, Herbie Mann, Bill Bruford e Ray Barretto entre outros. Nos últimos anos Jeff Berlin gravou con Yes, John McLaughlin, Billy Cobham e o guitarrista xaponés Kazumi Watanabe, por citar algúns dos que compoñen unha interminable listaxe de artistas relevantes.

Un problema de saúde considerable apartou a Dennis Chambers do grupo nos últimos meses e para continuar on the road só un batería como Gary Novak podía estar á altura. Nacido e criado en Chicago, Gary Novak practicamente naceu con baquetas na man. Desde a idade de 10 anos, traballou co trío do seu pai, o famoso pianista Larry Novak, en tódolos clubs de Chicago. Durante a escola secundaria, Novak traballou co mestre do clarinete jazz Buddy Defranco, así como con Joe Williams, Milt Hinton, Kenny Burrell, Barney Kessel e o gran Louis Bellson. Aos 19 anos Novak tomou a importante decisión de mudarse a Los Angeles, onde encontrou máis oportunidades das que soñara. En pouco tempo xa estaba tocando habitualmente con Maynard Ferguson, Natalie Cole, David Sanborn e Anita Baker… Máis adiante, con Lee Ritenour, a GRP All-Star e George Benson. Aos 28 anos uniuse á banda de Chick Corea e a partir dese momento foi chamado para infinidade de gravacións e xiras de grandes figuras tan dispares como Bob Berg, Allan Holdsworth, Robben Ford, Michael Landau, Lindsey Buckingham, Joe Walsh, Chrissie Hynde, Eros Ramazzotti e Alanis Morissette, por citar algunhas.

  • Scott Henderson: guitarra
  • Jeff Berlin: baixo
  • Gary Novak: batería.