2014

Lou Donaldson Quartet


O concerto de Lou Donaldson cancélase por enfermedade. En breve informaremos do seu sustituto

O lendario mestre do jazz, xigantesco saxofonista e compositor LOU DONALDSON foi unha das “voces” máis importantes e singulares de moitos subxéneros do jazz moderno, unha forza poderosamente creativa na música contemporánea durante máis de seis décadas e dos poucos músicos, aínda con vida, referentes dunha época, xa mítica, ligada ao selo Blue Note, no cal xurdiron as gravacións e os momentos especialmente recordados do bebop, o hard bop e o soul jazz.

Dous exemplos: Lou Donaldson entrou na grande historia do jazz como o director musical da Blue Note All Stars Band que gravou en Birdland, no 1954 e na cidade de Nova York coa sensación do momento, o trompetista Clifford Brown, co pianista Horace Silver e con Art Blakey aos tambores o clásico do hard bop “A Night At Birdland”, un dos temas máis importantes e influentes de Blue Note Records de tódolos tempos.

O incendiario saxofón alto de Lou Donaldson lideraba xunto ao órgano de Jimmy Smith o innovador clásico de Blue Note “The Sermon”, que marcou o comezo de toda unha era de son groove con órgano e saxofón nos anos 60 e 70, o cal propiciou que durante un tempo o subxénero funk jazz pasase a ser case tan popular como o fora o jazz durante a era do swing.

Nacido en Badin (Carolina do Norte), no sur de EEUU e no 1926, Lou Donaldson empezou a toca-lo clarinete aos 9 anos. Recrutado pola Armada dos Estados Unidos no 1945, converteuse en membro da U.S. Great Lakes Navy Band, que proporcionou a Sweet Papa Lou a oportunidade de tocar cos vellos mestres Clark Terry, Ernie Wilkins e Luther Henderson. A petición de Illinois Jacquet, Lou trasladouse á cidade de Nova York no 1950 e moi pronto obtivo renome internacional grazas ao seu traballo como acompañante destacado na gravación de Milt Jackson “Bag’s Groove”.

Se ben profundamente influenciado polo xenio de Charlie Parker, Lou Donaldson desenvolveu moi axiña un son realmente único e un estilo propio que marcou moitos dos hits de Blue Note xunto a artistas como Clifford Brown, Thelonius Monk, Grant Green, Blue Mitchell, Ray Barretto, Curtis Fuller, Horace Parlan e moitos outros grandes xoves artistas do jazz nos anos 50, 60 e 70.

Despois dalgúns discos excelentes para os selos Cadet e Argo nos anos 60, o seu regreso a Blue Note no 1967 estivo marcado por unha das súas gravacións máis famosas, Alligator Boogaloo, na que o acompañaron Melvin Lastie, Lonnie Smith, George Benson e Leo Morris e que se converteu nun disco de culto ata hoxe en día.

Donaldson foi incluído no INTERNATIONAL JAZZ HALL OF FAME no 1986 e mereceu innumerables honores e premios pola súa contribución ao jazz. En xaneiro do 2013 recibiu o maior galardón que se pode outorgar dentro do mundo do jazz, o NATIONAL ENDOWMENT FOR THE ARTS JAZZ MASTER.

  • Lou Donaldson: saxo
  • Randy Johnston: guitarra
  • Akiko Tsuruga: órgano Hammond
  • Fukushi Tainaka: batería.